Novo goberno (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/05/2000)

O ceo é de chumbo vaporoso, negro, ameazante. De cando en cando o raio racha a negrume sobre as mesetas que encerran a depresión de Barajas. Os vidros dobres, con baleiro illante, protexen o observador contra as inclemencias de Natura.
Agardamos voo, a observarmos o trasfego de avións que se atreven a furar a tormenta. Ata que os televisores da sala de espera dan paso ás novas do momento: Aznar presenta goberno.
Vén un silencio. Un hiato. Nin se responde aos móbiles. O presidente electo dá a lista, con modificacións ministeriais.
Un ministerio anunciado chama a atención dos pasaxeiros “conectados á rede”. Ciencia e Tecnoloxía vai ser comandado por Anna Birulés.
Isto é Historia:
España, país de retrasos en coñecer e aplicar as descubertas científicas, por fin, vai ter un ministerio ad hoc.
O ministerio será couto dunha economista sen formación adicional de “ciencias puras” (disque a Economía nin ciencia é), pero con experiencia na xestión das telecomunicacións.
Esa muller é periférica, catalana, con nome que indica postura vital: por un ene de máis (de Anna), non pode ser castelá.
Quizais este sexa un intre de xúbilo, pois que ciencias e técnicas parecen ser vistas como asunto político e económico; e porque a señora Birulés vén preparada para a “sociedade da información”.
A pena é que a ministra de estrea non fose galega e de galego nome —Uxía, por exemplo—:
España é zona de “aclimatación” das tecnoloxías europeas exportables á Iberoamérica. E dentro de España, Galicia —non Cataluña— é lugar de privilexio.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/05/2000]

Share