Potimótamos (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/04/2000)

Desde que é pai, o meu fillo máis vello anda como todos os pais de estreo: a ver milagres no primeiro neno, con esa deliciosa esperanza primitiva que todos tivemos, a de que a criatura nos supere en capacidades.
O caso é que me veu dicir que a súa pequena, que aínda non fixo os dous meses, xa “fala”, porque seica artella esas paroladas nocturnas con que os meniños adoitan estragar o sono dos proxenitores.
Ou alomenos algúns meniños, porque si é ben certo que cadaquén é como é desde que dá o primeiro respiro, e uns son máis atrevidos ca outros para tentaren a fala, ou as falas…
A respecto diso permítaseme que conte outra anécdota familiar.
Trátase dese fillo meu, que logo botou a falar sen medo, pronunciando terribles disparates. Fóra de “papá”, “mamá” e “aba”, o seu primeiro atrevemento foi “totze”, ou sexa: “coche”; e o segundo máis sonado, “toróngolo”, na vez de “triángulo”.
Pero non ficou a cousa así. El xa falaba con xeitiño o galego que lle aprendera a señora Áurea de Monterroso, e íase valendo do castelán como lingua traducida, cando aterrou nun lugar onde só se falaba desa segunda maneira: Buenos Aires.
Daquela meteuse a falar castelán como o máis seguro discípulo de Nebrija. E, nese afán de demostrar os poderes da fala, pediulle á avoa que o levase ao “logicóquilo” a ver os “potimótamos”…
Espero que o lector non zoólogo nin filólogo saiba descifrar o enigmático desexo infantil acerca de animais acuáticos e africanos.
A avoa soubo facelo e aínda é hoxe o día en que non lle pasou a risa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/04/2000]

Share