Independentzia (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/04/2000)

Deberon coincidir no mesmo día actos diferentes, uns cargados de máis cor política e outros de máis aire cultural; ou se non foi no mesmo día, logo aconteceron uns tras dos outros: na Pontevedra plácida de Castelao seica se leron escritos del e sobre el; en distintos lugares do que chaman Euskadi -con discutible neoloxismo- houbo discursos duros.
E un lema: Independentzia.
Escandalizouse España co que (en castelán) esbardallou o Arzalluz sobre os inmigrantes, os maketos, nun país de emigrantes, que deixou as Américas todas inzadas dos seus apelidos -ao punto de haber nelas lugares onde só vale ser basco.
Por exemplo, Tandil, provincia de Buenos Aires, onde Ramón Santamarina Varela, malia tan galegos apelidos, pasaría á lenda por terratenente e poderoso como “el vasco Santamarina”, aínda despois de fundar Orense…
Pero don Xabier non estaba exento de razón nas inconveniencias que dixo: porque as provincias bascas son moi pouco país para asimilar tanto inmigrante.
As patrias fanse como se fan. E velaí o Brasil, que foi imperio: alí manda o idioma, como dixemos. Alomenos a fala.
Pero en Euskadi, non. Nin iso. Non puideron coa avalancha e acabaron por ser aglotas, coma os irlandeses. Por iso, aínda que toleen España a sustos, cando se vaian serán españois, porque súa é -do íntimo- a lingua franca que eles (e non os galegos nin os cataláns) axudaron a construír.
De independentzia, nada…
Castelao, tan arxentino, deixou dito: “Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/04/2000]

Share