O Brasil (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/04/2000)

Nunha tarde de chuvia subtropical e brasileira comprei un ensaio sobre a descuberta do país. E goceino, polas aventuras, mentres saboreaba en vivo os contrastes dun espacio continental tan vasto que non se comprende como permite a cohesión mínima de estado.
Aínda que quizais haxa unha base para iso no que nos dixera o presidente Cardoso no centenario da Academia das Letras: a lingua portuguesa é o elemento de unión.
Como nos Estados Unidos é o inglés; pero máis: porque no Brasil só se fala portugués con sotaque propio. Non hai, como no imperio dos wasps, un castelán emerxente.
E, fóra da lingua, desde o sertão nordestino a os pampas do sur, o Brasil é a máis incrible galería de paisaxes e xentes, de conxuntos diferentes con solapes e mesturas, de trocas —de sangue e cultura— nas beiras; pero con núcleos totalmente diferenciados, que se entenden en portugués, xa sexan indios ou inmigrantes italianos, alemáns, sirios, xaponeses…
O Brasil é a maior potencia industrial da Iberoamérica, onde se fabrican avións, armas e ordenadores, pero onde unha chuvia torrencial fai colapsar as favelas dos morros. Ten a maior selva virxe do mundo, mais os ríos das cidades son cloacas asasinas.
Ten o canto e o encanto, e a arte que sae de cento cincuenta millóns da almas.
Ten cincocentos anos de historia e é pena que, sendo tan vello, os seus fillos —aborixes ou inmigrantes, descendentes de homes libres ou de escravos— non se sintan a gusto xuntos.
Con todo, de vivirmos dúas veces, cumpría emigrar para alá.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/04/2000]

Share