Coma xente (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/04/2000)

Sendo xa longa a tarde, sen presas fun montar a cabalo; saíume a saudar cadeliña dos meus amores, a Greta, toda enlamada pero lindísima; e logo dei en conversar coa súa dona, parellamente, as nosas cabalgaduras ao paso.
Falamos principalmente dos cans, pensando ambos que non hai bichos tan listos coma eles, que mesmo teñen comportamentos “humanos”.
Conteille á amazona algo que fixo o Gurú: deixara eu a neta no diván onde me fai compañía mentres escribo e, despois de que a levou a mai, o can andou a cheirar o sitio onde estivera a meniña, como se quixese memorizar aquel recendo mixto de tenrura, leite e colonia —con seguridade para identificar un novo membro da tribo que el considera que debe protexer.
“Diván”, “meniño” e “can” foron palabras que trouxeron ao acordo da compañeira de exercicio unha anécdota deliciosa:
Seica andaba unha familia a facer arranxos de xantar e deixaron un pequerrecho deitado nun diván na sala de estar en canto pais, tíos e avós se xuntaban na cociña.
Na casa había unha cadela brincallona, tanto como para non causar estrañeza nos cociñantes que o animaliño andase indo e vindo entre a cociña e a sala onde quedara o neno.
Pero era xa tanta a insistencia da cadela en ladrar e escapar para alá que alguén decidiuse a lle seguir o xogo, para ver a que conducía.
Foi á sala de estar e ficou abraiado: o cativiño rolara e estaba á beira do asento do diván. A cadela empurrábao coa cabeza para dentro…
En fin: visto o caso, a xente que come cans debe caer na categoría de antropófaga.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/04/2000]

Share