En directo (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/04/2000)

Case ao mediodía do Venres Santo pasado, o español que estivese a ver a CNN ficaría sorprendido de que, unha vez máis, os ianquis ofrecesen drama en directo.
Esta vez non era unha guerra desas a que nos teñen afeitos. Nada dun reporteiro en Bagdad comentando chuvias de foguetes a iluminaren a noite arábiga. Pero tamén era de noite, porque Florida está moi ao sur, afuciñada no Caribe, e amañece tarde.
Alí eran as 5.10 da mañá cando, diante da casa dos parentes do Eliansito, se presentou unha caravana de coches con comandos uniformados de diferente maneira, pero todos armados ata os dentes.
Con modos propios de película, cominaron os manifestantes pertinaces e trasnoitadores da Little Havanna de Miami a se retiraren; e, coma faíscas (a operación durou tres minutos), secuestraron o cativo en nome da lei que exerce esa especie de varón con saias que se chama, para máis escarnio, Reno.
Se ao español que á media mañá ficara coa boca aberta non lle abondaba co show circense sobre o neno balseiro salvado dos tiburóns polos golfiños, despois de xantar xa tiña segunda parte, tamén en directo: a chegada do pai do Elian ao punto de reunión secreta, na base Edwards, a onde non hai manifestante que se arrime por se o friten a balazos.
Todo foi pasado polas cámaras, colocadas en puntos de visión despexada, e cabe preguntarse como sabían tanto os da CNN.
Despois disto -e do mostrado nas guerras- só queda a incógnita de como non deron transmitido en directo o que a Lewinsky tiña por agasallo facerlle ao Clinton.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/04/2000]

Share