Poboamento (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/04/2000)

Unha das moitas curiosidades que asaltan o viaxeiro polas Américas é como se poboou o continente, con grupos humanos tan diversos.
Malia o labor destructivo dos colonizadores europeos, o ollo do visitante observa xentes de feitura e comportamento tan desencontrados como —por exemplo— cherokees, ianomamis, kollas ou guaranís. Entre habitantes da pradeira, a amazonía, o altiplano e o chaco vese tanta distancia de aspecto e fala que induce a pensar en distintas vagas de poboamento…
Hai pouco publicaba a revista TIME unha reportaxe segundo a cal, co patrocinio da National Geographic, se viñera descubrir nun xacemento arqueolóxico da Virxinia a presencia de humanos hai dezaoito mil anos, uns seis mil antes do que se admitía ata o de hoxe.
E esta descuberta arrastra outras hipóteses distintas da consolidada: o paso de xentes siberianas polo xeo sobre o estreito que descubrira Bering. Agora hai quen se inclina por outras dúas posibilidades, ambas marítimas: a chegada de navegantes polo Leste desde Europa, e as navegacións de asiáticos ao longo da costa americana do Pacífico.
Saiba Deus como foi, pero a cousa non sería sinxela. Lea o curioso The Voyage of the Beagle, de Darwin, ou calquera dos testemuños de exploradores e colonos da Terra do Lume, e verá indios canoeiros, pequenos e nus, protexidos da friaxe austral con graxa de foca, e outros terrestres, grandallotes (os “patagóns” do mito) e ben arroupados con peles de guanaco.
Vivindo nas mesmas illas, veciños, eses pobos nada tiñan en común.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/04/2000]

Share