Contra a Igrexa (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/04/2000)

Recibo carta cordial dun lector, con nome e apelidos, que se manifesta “persoa de fondas conviccións relixiosas”. Agradece as referencias nesta columna aos Evanxeos e, con delicadeza, atrévese a lamentar que “ás veces, o autor se mostre crítico coa Igrexa Católica”.
Repaso de memoria as notas feitas a voapluma e non vexo a que crítica se refire, pero recoñezo ter manifestado desacordo coa Igrexa Católica en Galicia noutros artigos, e nun aspecto concreto: a súa postura fronte á lingua do pobo.
Sendo eu neno oín como un galeguista supervivente da represión franquista —seica por católico fervoroso— lle dicía a un abade: “Vostedes ensinan a rezar e predican en castelán. En galego só confesan e piden cartos”.
Iso é certo, desde que eu teña acordo. E segue a selo. A Igrexa católica participa no atentado que conduce ao “bilingüismo agónico” de Galicia.
Tamén é certo que todos os meus amigos cregos e seminaristas contan como lles tiñan prohibido falaren galego nos seminarios. E, se queremos revisar a Historia, xa se dirá cantos bispos de dióceses galegas eran —ou son— fillos do país.
Hai quen reclama que a Igrexa pida perdón polos seus erros, e velaí o papa a facelo (esquecendo tal humildade nas visitas a Compostela). Con todo, o que importa é corrixir rumbo, logo de calcular canto autodesprezo dos galegos se debe a que, como me dixo unha señora catequista, “Cristo siempre habló castellano”…
No entanto, eu leo as palabras do Redentor no mellor dos galegos: portugués clásico do Novo Testamento.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/04/2000]

Share