Negros (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/04/2000)

Este día pasado indiquei que pagaba a pena facer un comentario a cerca de El negrero, novela do galego acubanado Lino Novás, e non resisto a tentación de facelo:
Non me pareceu mal o comezo, áspero, da vida do protagonista malagueño, botado a mariño por forza; pero no quiosco atopei o Xabier Docampo e advertiume dun fallo do texto: as frases curtas chegan a fartar.
Novás non se perde en frases inacabables, ocas, dos literatos; pero tanto apuntamento breve cansa.
Ora, fóra dese detalle, o que conta ten a virtude de nos levar a un período histórico interesante: o da persecución da trata de negros, con protagonismo dos cruceiros británicos que soubo burlar Pedro Blanco, o protagonista, quen chega a ser un grande señor na costa africana, a onde chegaba secuestrada xente que sería utilizada como animais.
O autor, ben documentado, segundo demostra a bibliografía que ofrece a edición (ás veces con citas a pé de páxina), consegue transmitir o debuxo dun universo de barbarie repugnante para quen se considere persoa.
A África baleirada na América aparece como un inferno de pesadelo, onde os negros son cazadores de negros, e os mulatos a peor cuña da mesma madeira na trata infernal.
Novás non exculpa o Blanco, negreiro pirata. Presenta friamente o personaxe. E, malia os defectos da obra, fica aberto no lector un grande abano de reflexións sobre o mundo da negritude, que hoxe peta ás nosas portas; ao que seguimos a tratar con desprezo de negreiros -por lle negarmos o fundamental: o coñecemento redentor.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/04/2000]

Share