Madeira (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/04/2000)

Resoan os cascos da egua polo camiño con rodeiras, entre fustes de eucalipto. Ao fondo, o cuco canta sen temor á ameaza de chuvia. Isto é Galicia, Semana Santa do 2000.
Resoa tamén na mente a lectura de El negrero, novela que merece comentario, e todo se volve madeira, do ambiente inmediato e dos barcos que atravesaban o Atlántico á procura dun gando humano que degradaba a Humanidade.
Madeira. Onte mesmo, un colega, criado en lugar de moita madeira, “estudiado” gracias aos negocios do pai como fragueiro, comentaba que nos Estados Unidos -onde tanto aprendemos- as casas son de madeira. Certo: alá só os ricos poden vivir entre pedras ou tixolos. Certo tamén que os ianquis non mostran medo dos furacáns que lles desfán as casas -ou quizais sexa que lles sae a conta construíren así sabendo o que é capaz de destruír o vento…
En Galicia a tradición é de muros “para a toda a vida”. Pero vendo eses troncos rectos de eucalipto, tan ben aclimatado en terra de carballos, un pregúntase se non haberá un “nicho de negocio” para a construcción sólida ao estilo do oeste norteamericano.
Tal vez fique por por investigar tratamentos para a madeira do eucalipto, que tende a abrirse cando seca. E probablemente cumpra facer edificios de promoción ao novo xeito…
Canto a durar a madeira, se a memoria non falla, seica foi en Lund, lugar da fría Suecia, onde os ollos deron nunha igrexa construída con toradas nas escuridades da Idade Media.
E a verdade é que seguía en pé. Ben conservada. Sen sufrir o “mal da pedra”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/04/2000]

Share