“El turco García”

Feira Internacional do Libro de Buenos Aires. Cita de xornalista arxentino con escritor galego que presenta novela sobre a épica da emigración. Preguntas, ao principio acerca das aventuras de cruzar o mar e ir poboar terras ignotas; despois, sobre os movementos da xente por todo o mundo, e, de aí, ao drama da chegada a Europa de persoas que foxen do horror da guerra no Oriente Próximo. Finalmente, Siria, con Arabia Saudí e Rusia tras do pano daquel escenario brutal.

Xa a micro pechado, o xornalista di ter apelido «moi galego»: García. Ao escritor parécelle normal na Arxentina, e comenta que ese apelido é común en boa parte da Península ibérica. O xornalista insiste: ao seu avó chamábanlle «el turco García» e o apelido era «dunha familia galega». Arredemo, ¿e como se entende iso? Son cousas dun país de acollida de todos os necesitados do globo: o avó do xornalista, xunto con dous irmáns e un curmán, saíron da Siria sendo mocetes. Chegaron ao Hotel (cadea) de Inmigrantes de Buenos Aires sen falaren nada intelixible para o persoal de Inmigración. Xunto a eles facían trámites os García, de Lugo. Algo arranxaron os funcionarios co pater familias, que consentiu en engadir aos seus fillos catro rapaces con papeis do Imperio Turco. A Elia Kazan (América, América) habíalle gustar o conto.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 20/05/2016.]

Share