Cara al Sol (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/04/2000)

Río Gallegos chámase así polo nome do piloto que descubriu esa entrada final no continente americano antes do Estreito de Magalláns. Blasco Gallegos era asturiano, pero a beira do seu río encheuse de fillos da Galicia desangrada. Un deles era Antonio Soto, ferrolán, anarquista que fixo Historia…
Á procura do derradeiro supervivente da revolución patagónica do 21, alá foron dous cronistas de vidas moi diferentes: un deles, criado na Coruña en familia proletaria e emigrado a pagos patagónicos trinta anos antes; o outro, criado en Ferrol en familia burguesa e veciño da Coruña.
Nun descanso das conversas co último relator da epopea obreira, os visitantes foron ver o peirao baixo o que se reunían os revolucionarios dirixidos por Soto. E alí, ollando o Mar Austral de chumbo, collidos do brazo, puxéronse a cantar o Cara al Sol, nun berro que mal apagaba o vento duro das Malvinas…
Logo que remataron co himno falanxista, deron en cavilar como eles, netos e fillos de represaliados, naturalmente enfrontados á ideoloxía da Formación del espíritu nacional, puideran “caer” no cántico do inimigo.
E concluíron que por varias razóns: a primeira, porque a música é linda; a segunda, porque a letra é acertada e inspiradora; a terceira e principal, porque o Cara al Sol é, coma os Celtas e o 600, un símbolo para todos os formados na España da miseria moral franquista.
O Cara al Sol é un himno nacional, de unión, co que o franquismo fixo o que non daría feito FET y de las JONS: marcar saudades dunha época esquecible.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/04/2000]

Share