Vietnam (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/04/2000)

Último número de TIME. Nel, un recordatorio de hai vintecinco anos: remataba a guerra do Vietnam.
Recorte de xornal con nódoas amarelas. Artigo de El Ideal Gallego titulado Caeu Saigón, maio de 1975. Pertence á serie Desde a última trincheira.
“(…) Puerto de la Cruz, 9 de abril.- Paseo pola beiramar co Jerry. Tardiña deliciosa. Jerry fuma unha pipa azul rechamante e, entre gulosas olladas ás mozas seminúas na area negra, expón o seu punto de vista a cerca do colapso sudvietnamita:
“-Nós, os americanos, non podemos facer máis nada. Xa fixemos dabondo. Se os sudvietnamitas se afunden é pola súa culpa. Son un pobo corrupto e desmoralizado. A axuda económica e militar que lles deamos é un gasto inútil. Alén diso, os Estados Undos están sós alí; os nosos aliados non axudan; os gobernos europeos ata teñen o descaro de recoñeceren o Vietnam do Norte.
“Calo e déixoo falar. Tal vez podería preguntarlle se coñece as razóns polas que o pobo vietnamita está corrompido e desmoralizado. Penso que a fame e o medo fan a prostitución dun pobo que non sabe por que os sofre, pero calo. El pertence á clase dos americanos orgullosos de selo, os da bandeiriña nacional á porta da casa, os que fan de dous verbos, to make e to get (facer e conseguir), motivo vital a ollos pechados; os que len o Reader’s Digest Selections e cren (cren máis que coidan) que Nixon tivo malos conselleiros. Non hai nada que facer e por iso calo (…)”.
Vintecinco anos despois non ha ser inútil reescribir o que daquela escribiamos. Alomenos para que se poidan xulgar os nosos xuízos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/04/2000]

Share