Boullosa (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/04/2000)

Nos pasados días correron obituarios de don Manuel Cordo Boullosa, coñecido polo último apelido, ao xeito portugués —que portugués era e, di a Historia, só pensaría en ser español “quando a Galiza for um país independente” (como lle dixo a Oliveira Salazar).
Cóntanse de don Manuel iso e outras moitas cousas, que convidan a lembralo:
Eu coñecino hai moitos anos, cando en Galicia non había goberno (era só “las cuatro provincias del Noroeste”) nin se lle podían conceder medallas; e desde aquela seguín a súa biografía, ben interesante.
Encontrámonos no 72, en Lisboa, na casa do fillo, que coleccionaba reloxos. “O senhor Manuel Boulhosa” era o mito do “carvoeiro que chegou a petroleiro”. Dono da SONAP, empresa dos combustibles, corría fama de que “o galego” mesmo lle organizara os negocios do ouro negro ao Mao, emperador comunista da China.
Pareceume un cabaleiro, atento para o hóspede. Contoume que sempre quixera facer algo pola terra dos pais, e da súa nenez. Tivera un grande proxecto industrial que Franco, “mação arrependido”, non lle deixara cumprir…
No 74 veu a Revolução dos Cravos, e o comunismo. Don Manuel emigrou; e volvino ver en Caritel, a súa aldea-patria pontevedresa.
Andou por eses mundos, multiplicou fortuna, retornou a Portugal triunfante e morreu moi vello. Nunca faltou ás festas da Pontecaldelas.
Nun alto dese concello está o monumento máis orixinal que se puido imaxinar en terra de emigrantes: ao Can de Palleiro.
Ao se saber do pasamento, disque ouveou aquel cadelo de bronce.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/04/2000]

Share