Ondas (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/04/2000)

O meu anfitrión nacera na Romenia, país sen mar, e fora traído de pequeno a Israel, que vive entre o Mediterráneo e o Tiberíades, lago maior e menor en comparanza cos océanos.
Estabamos a gozar dunha noite plácida no porto de Haifa. Non corría un fío de aire, o luar marcaba a auga tersa e ceabamos nunha terraza con bo peixe e mellor viño.
Fluía a conversa sobre visións e vivencias, e contei o medo que pasara navegando polo Río da Prata durante unha tormenta. Aquela sensación de que me ían engulir as vagas de auga castaña, a cegazón das escumas, o bramido do vento, o baleiro que se abría á proa do barco mentres loitabamos para librarmos unha vela que nos arrastraba á fin…
Daquela, o meu anfitrión confesou algo que lle pasara na Coruña, arredor da Torre de Hércules:
Nun día de inverno, sabendo da miña ausencia, decidiu aproveitar o tempo de agarda co seu deporte favorito, a pesca con cana. Foi a un centro comercial e comprou de todo o necesario: roupa e aparellos. No coche achegouse a onde viu xente pescando.
Baixou polas rochas do Faro do Adeus e colocouse onde lle pareceu prudente. Seica sentiu uns berros pero non os entendeu -ata que foi demasiado tarde: quixo correr pero non deu escapado. Un fragor de espanto enxordeceuno e sentiuse arrastrar…
A súa sorte foi que a onda o empurrou cara arriba, ata deixalo encaixado entre dúas penas.
Daquela un inexperto só perdeu a cana. Ultimamente, media ducia de pescadores afeitos ás forzas dun mar de veras perderon algo máis polos rochedos do Arco Ártabro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/04/2000]

Share