Mozos e lingua (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/04/2000)

Mañá, se nada se torce, estarei fóra de Galicia, a falar cun home que levou consigo á emigración os apelidos que o estigmatizan.
Mañá, 14 de abril, é día curioso: nel fan anos a miña dona e unha ilusión frustrada de meu avó e meu pai: a república. Coa muller terei un detalle. Co avó e co pai, xa non podo (só me queda lembralos e repetir o que eles sabían: que a monarquía é un anacronismo).
Mañá non poderei asistir ao festival musical A mocidade coa lingua, que celebran as “equipas de normalización lingüística” de Ferrol, cidade da que se din moitas parvadas.
Unha delas é que nela “nunca se falou galego”, cando, se me poño a furar polas brétemas da infancia, aínda escoito os berros matinais de “¡¿Quen quere leite?!” e “¡Peóns prós gatos!”. Pero tamén están as realidades que se representan nunha historia ferrolá lida por moitos galegos: A nosa cinza.
Outra parvada é que en Ferrol todos somos de fóra.
Mentira. Abonda con explorar a lista de teléfonos á cata de apelidos. Non hai diferencias de proporción coa Coruña. Ou con Vigo.
A Ferrol viñeron mariños de toda España, pero as outras cidades galegas acolleron maragatos e rioxanos (quizais por iso eu prefira Ferrol).
Mírense os apelidos dos rapaces que participan no festival da mocidade e verase que é certo canto digo: son galegos de etnia sen dúbida, e de Ferrol.
Sendo así, que sigan a cantar, con Xurxo Souto -coruñés- no xurado. E que non esquezan o irmanamento con Vila do Conde. Nin a mensaxes pangaleguistas de Carvalho Calero e Guerra da Cal.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/04/2000]

Share