Intermón (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/04/2000)

Domingo e chuvia. Cama e ordenador portátil. Frío nos ósos, debilidade nas pernas. Pero a mente non acouga.
9 de abril, Intermón. “Moitos nenos e nenas queren aprender unha lección”. Disque son cento vintecinco millóns deles, mundo adiante, os que non teñen escola…
Mundo adiante, os que imos vellos xa temos visto máis do que os nosos ollos acreditarían. E sabemos o que é ser analfabeto.
Sen saírmos de España, en Madrid, nos tempos da universidade convulsa, do “todos contra Franco”, había homes e mulleres que se perdían nos túneles do metro, simplemente porque non podían ler os letreiros.
En España xa non. Agora, en España sobran mestres para tan poucos nenos, e as aulas baléiranse. Pero o mundo é moi grande.
Podemos dicir que sobra xente no mundo, e que non haxa máis nenos onde sobran. Mais o problema é que os hai; e que, se cadra, sobran por seren fillos da ignorancia dos pais, que tampouco tiveron escola…
Cama e televisión. Alejandro Toledo é home da raza de cobre que sucumbiu ao aceiro dos conquistadores españois. O Perú é un universo complexo, da costa á puna, do deserto á selva empantanada.
Toledo bátese contra o “chino” Fujimori coas poucas posibilidades que lle deixa a indemocracia enfrontada á tolería do Sendero Luminoso.
Toledo perderá pero dío claro, en bo inglés, diante das cámaras de CNN: os países ricos non son os sobrados de recursos senón os que teñen knowledge, coñecemento, dabondo.
E insiste, como Intermón, en que se invista niso: knowledge. Só así se equilibran as sociedades.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/04/2000]

Share