Martínez (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/04/2000)

En teoría o Martínez é de Donostia (seu pai tiña barco en Pasajes, hoxe Pasaia); mais na práctica é de Corrubedo. Sendo de xente de mar, escolleu ser mariño, pero coñeceu o seminario e as Humanidades. De xeito que os idiomas son cousa vulgar para el.
Non digamos o inglés da súa carreira británica de naval engineer senón o noruegués ou o xaponés. Nunca vin cousa á maneira: porque remedar os noruegueses debe levantar dor de cabeza (Carlos Casares confesoume que falar sueco lla levanta); pero calcar os xaponeses…
Estivemos a comentar que en España ninguén fala nada: os galegos, nin o portugués que lles dará a mantenza. E non digamos o noruegués, que vai ser tan necesario se Bazán non sae malparada.
O Martínez desembarcou hai días. Vén da Arabia, e trae os ollos cheos das miraxes daquel grande deserto cheo de riquezas. O seu armador de Oslo mandárao recoller un gas perigosísimo –etileno— e pasou uns días a ruar por rúas con homes solitarios e mulleres cubertas de cabeza a pés con veos e túnicas, sempre cun varón á beira.
Aquilo seica é un reino do incrible. Non só hai nel mares de subterráneo petróleo senón grandes minas de ouro e fabulosas canteiras de granito e mármore.
Nese reino está prohibido o alcohol –menos nas bases dos ianquis— os rapaces procuran o encontro cos estranxeiros para saberen que pasa no mundo.
O herdeiro da coroa recibiu título de “protector das dúas santas mesquitas”. E mozos buscan moza desde os cibercafés…
En fin: conversar co Sinbad Martínez anima a ser mariño na próxima encarnación.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/04/2000]

Share