Soraya (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/04/2000)

Sucede nun instituto de ensino medio, preto da liña que foi fronteira entre España e Portugal e hoxe é só risco no mapa. Logo da conferencia, ordenadamente, os rapaces achéganse ao narrador con libros, en procura de autógrafo.
O novelista pide o nome e fai a dedicatoria. E sofre ao facela, por culpa dos nomes; e porque os mociños falan galego con el pero castelán entre eles (os profesores dan exemplo de falacia).
É un horror chamarse Borja, ou Christian (“con ce-hache”)… Sucédense as Lorenas, que non comprenden por que o escritor lles chama “Alsacia”. Hai Vanessas a mazo, e todas con apelidos galegos; como as súas avoas, que tiñan nomes belísimos: Erundina, Felisa, Carme, Laura…
Esta di se chamar Soraya (“con i grego”) e -rematando o bacharelato- non sabe nada do Xá de Persia nin da relación entre a Persia e o Irán. Porque ela é “de Ciencias puras”.
Soraya é linda e nada “persa”: loura de ollos azuis, quizais de antepasados suevos; e fala abertamente: quere que, na dedicatoria, o autor lle poña algo para os pais, que non lle deixan estudiar portugués na escola de idiomas máis próxima.
Quere que lles repita o da sorte de que o galego aínda non se perdese de todo, porque gracias a iso os galegos poderán conseguir un bo traballo en Portugal -se estudiaren portugués, con pouco esforzo.
Na casa de Soraya non hai ningún ordenador, ninguén se conectou nunca á interrede. E todos son “do Celtiña”…
Ben. Tomen nota don Celso Currás e o seus capitáns educadores, que é grande o exército dos ignorantes.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/04/2000]

Share