A sona (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/04/2000)

Grande invención a tertulia do quiosco. Nada máis entrar, á esquerda, alá están a Rociíto accidentada e outras das que sabemos todo; ou case todo -fóra aspectos sucios, de retrete, polos que ata agora non pagou ningunha revista.
Hoxe volveuse tertuliar da sona. La Voz de Galicia é un dos catro xornais que leo (mellor dito, repaso) a cotío; e, certamente, este día reparei en que nel se falaba de xente con sona e ata se facía unha lista con porcentaxes, seica de persoas pescudadas que coñecían “os famosos”.
Cando vin que no capítulo dos escritores galegos andaba don Camilo á cabeza sentinme tan mal como sempre que vexo inxustizas, e non quixen seguir mirando.
Quen me deu aviso de que o meu nome cerraba a lista encabezada polo señor marqués da Alcarria foi o Xabier Docampo, tertuliano do quiosco, cunha das súas sentencias de chairego filosófico: “Está ben iso de que a xente saiba quen é un escritor”.
Poida que si o estea, pero o importante non é que haxa moita xente a coñecer de nome un autor de textos literarios. O que importa é que a xente coñeza as obras dos autores.
Actualmente vivimos un momento de distorsión total do sistema literario: o autor é quen lle dá sona á obra, non a obra a que coloca o autor no seu sitio.
Eça de Queiroz nunca saíu na televisión, pero escribiu Os Maias; Orwell morreu cando a caixa boba era un experimento, pero escribiu Animal Farm.
Por moito que se comente no quiosco, a sona verdadeira é de letra sobre papel en forma de libro. Para a outra abonda coa da Rociíto.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/04/2000]

Share