Bill contra Bill (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/04/2000)

Os ianquis son tan impresentables que ata se mostran ao mundo con diminutivos: Bill Clinton, Bill Gates —nada de William; como se aquí Aznar se fixese chamar Chemari.
As cousas do mundo, no que mandan eles, puxéronse feas por culpa das “fiestras” e do “explorador” da telemática, ou sexa: do Windows e do Explorer. Máis claramente: dun sistema operativo e dun programa de “navegación” por interrede.
Digamos que o sistema operativo é o programa que controla todos os programas específicos dun ordenador. E que o navegador é un deses programas, o que busca e localiza as máquinas que subministran a información á rede das redes…
Bill versus Bill. Os Estados Unidos de América (ou “América” a soas, como eles lle chaman) someten a xuízo a concentración de poderes de Microsoft, empresa dun suxeito aínda mozo, con cara de parviño virxinal. Pero —disque— o máis rico do mundo.
E a cousa vai correr ao estilo das guerras seculares, con batallas a gañar e perder, anos e anos.
Chama a atención o que, nun universo comercial baseado na lei do máis activo (“eu conquisto canto podo”), a alguén lle queiran pór couto na actividade.
¿E por que? ¿De onde xorde o medo?
De que os sistemas operativos e os programas de axuda á “cibernáutica” se converteron en recursos básicos para o home de hoxe, como a gasolina ou a enerxía eléctrica.
É a loita polo control das fontes, chaves do poder.
Pero sexa o que for —o que os altos tribunais decidiren—, moitas gracias a Microsoft polo que nos axudou a gobernar as máquinas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/04/2000]

Share