Electrodomésticos (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/04/2000)

Este día baixaba eu no ascensor da casa cara ao garaxe cun vulto de tamaño manexable, bolsón de coiro que levaba no seu interior a “torre” dun ordenador persoal: armazón e carcasa da unidade central de procesos, algúns elementos periféricos e mais interfaces para outros.
Ía para o choio, desde onde quería comprobar quen tiña a culpa dun fallo de conexión, se a máquina ou o servidor da interrede, ese “ente” descoñecido que nos soe facer algunha falcatruada. Se desde outro punto de conexión me daba o mesmo fallo, daquela era o meu aparello o culpable. Se non…
O caso é que atopei un veciño con cara de levar pouco tempo en pé, quen ollou con espanto (debeu ser a primeira apertura total das súas pálpebras nesa xornada) e exclamou: “¡Como te atreves a levar así un ordenador!”.
Vin a miña ollada de estrañeza no espello do cubículo móbil —porque, de veras que non entendía tanta preocupación— e preguntei coa mesma: “¿E logo como o había de levar?”.
“Home —dixo o mal amañecido—, digo eu que con coidado”.
“Coidado dabondo vai, ho. Ti tranquilo. Vouno meter na traseira do coche, que o levo ao traballo”.
“¿Pero ese ordenador funciónache?”
“Perfectamente. ¿E logo non?”
“Ben, ben…”, dixo, segundo me deixaba paso para saír, en ton de rosmeo, cun aquel de “Ti saberás o que fas, pero iso é unha tolada”.
E non o era. Porque xa non estamos naqueles tempos mozos da miña xeración, e dos ordenadores. Hoxe estas maquiniñas son tan transportables coma os televisores.
Como as “caixas parvas”, só son electrodomésticos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/04/2000]

Share