Día gris (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/04/2000)

Hoxe amañeceu gris, como indicación de tristura en tempos primaverais. Con todo, fixen cálculo de ilusións e saín á praza que se debía chamar da Cubeliña.
Fun ao quiosco, recibín a primeira crítica do día (positiva. Gracias, amigo quiosqueiro) á columna feita a voapluma en xornada anterior; montei no coche e saín cara a eses campos que agariman a cidade.
Xa son semanas sen pasear a cabalo e andaba eu preocupado. Faltáralle á miña Aixa o pasado domingo por culpa dun accidente, e devecía por vela.
Vina por tras da tea metálica da media porta da corte, asubieille e rinchou en resposta. Todo ben…
Unhas señoras lían nun banco que chaman “a biblioteca” e, no prado ás súas costas, a Greta e o Perucho descansaban do ruar canino e continuo en que viven.
Chameinos e correron cara a nós, mollados da herba e da lama dos camiños entre os picadeiros. En canto os humanos falabamos, a cadeliña nova e o can aínda mozo deixábanse agarimar arrimando as súas calores peludas e desinteresadas.
Falamos dos fillos; de que non os estamos preparando para nada. Son pouquísimos e non saben nin matemáticas nin fritiren un ovo, e non vai haber inmigrantes dabondo para que fagan todo por eles…
Foi unha alegría ver que a fiel Aixa xa ten pechada a ferida do xeonllo. O veterinario non acertou na negrura o prognóstico, pero si na curación. ¡Albízaras!
Volvín, o corazón satisfeito. Pingaba o ceo pero non parecía gris.
Só lle vin a cor verdadeira lendo o xornal: as xeadas, un ano máis, castigaron as sagradas vides do Ribeiro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/04/2000]

Share