O grande Vigo (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/04/2000)

Oito horas en Vigo dan para moito aprender. En primeiro lugar, de barcos, unha das industrias viguesas.
Na alameda, fresca e sombriza, fálase de construcción naval.
Os estaleiros, seica, viven a crise da verdadeira globalización. Europeos e norteamericanos tiñan o duopolio. Pero logo os xaponeses se lles meteron polo medio. Os xaponeses subcontrataban os coreanos, que aprenderon a construír e deixaron fóra do negocio os seus antigos patróns.
Agora entran en xogo os chineses e todo é un rañar a cabeza á procura da competitividade. En Vigo, hoxe, trátanse conceptos exquisitos como “prazas de mercado virtuais”, lugares de encontro na interrede para clientes e fornecedores do sector…
Desde Samil vense as Cíes, magníficas baixo o ceo que limpou o nordés. Entran barcos de altísimo bordo á procura de coches. O momento invita a follear outro producto vigués: o Diccionario LATÍN-GALEGO. Nesta cidade fanse case todos os libros de Galicia. Aquí son novidade as novidades.
Camiño de Baiona, carne. O alimento faise pracer cando é tratado por quen mestura a técnica coa arte. Non abonda con criar cuxos gordos ou matar en sazón as vacas (falsos, pero ricos, “bois” do menú). Hai que tomar conta dos cortes.
Logo de probar a carne, visita á planta de procesado. Todo hixiénico. A máquina recolle entrecostos, costeletas, redondos, xarretes…, dálles un toque máxico, envólveos ao baleiro e déixaos preparados para duraren un mes.
En fin, Vigo é moito Vigo; e quen non o entenda tampouco imaxinará o futuro de Galicia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/04/2000]

Share