Detalle de amigo (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/04/2000)

Cos anos, un vai valorando menos as paixóns de amor e máis a firmeza das amizades. E ao respecto vale lembrar a frase dun compañeiro dos tempos da “prepa” (preparatoria para o ingreso no bacharelato). Insiste en que “a amizade non debe ser cultivada porque co cultivo se estraga”.
Probablemente, o cariño de veras entre as persoas se manteña por si mesmo, sen falta de mostras coma as que demandan as fidelidades de —por exemplo— os políticos.
Mais tampouco podemos evitar que, de súpeto, un sinta a necesidade de facer algo por un amigo; de ter un detalle porque o lembramos como consecuencia de tal ou cal acontecemento. As saídas a que forza o afecto son moitas…
Días atrás tiven un accidente de coche que me causou un estraño trauma, unha descompostura de espírito que non dou crido. Quizais sucumbín á suma de todas as tensións acumuladas polo viaxar sen acougo, sempre con medo ao pequeno erro que pode ter gravísimas consecuencias.
Por obriga profesional, un amigo debía conseguir para min un “coche de cortesía” en canto se reparaba o meu. Pero non fixo iso, senón que, excedéndose na obriga, ordenou que me trouxesen o seu.
Cando o vin, mesmo me enfadei, pero xa non tiña tempo de protestar e, resignado a tanto agasallo, metín a chave no contacto.
Daquela, o habitáculo encheuse cunha delicia de música portuguesa, selección sibarítica, gravada en disco compacto e reproducida coa mellor calidade.
O detalle, orixinal, consistiu non en emprestarme un coche senón os medios de dar gusto ao oído.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/04/2000]

Share