Gaiteiras (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/04/2000)

Nunha espera de aeroporto deuse en falar de historias da canción galega, e logo xurdiu a verdade que entristece tanto: hoxe non hai aquí máis que groserías de bravú e estridencias de gaita.
Dicir que Milladoiro é Milladoiro, vale; dicir que o Núñez é a máxima representación da música galega, celta, folk, ou como lle chamen, é moito dicir pero… Algo se discutiu, para acabar atopando un arquetipo do que non pode seguir a representar Galicia por eses mundos: unha gaiteira.
Entre os desesperados por Iberia había un que reproduciu un comentario de seu pai, segundo o cal Galicia anda sen xeito porque agora tocan a gaita as mulleres, cando antes non habería quen lle dixese a unha moza “tócame a gaita, nena”.
O riso acompañou a chanza, como cumpría, pero -fóra machismos e de novo centrados na preocupación de afeccionados á música- axiña se loaba a familia Seivane, o seu labor, e o seu bo producto: Susana.
A crítica non era para esta, senón para outra moza que recorda o chiste do cabaleiro que, querendo chamar a atención dunha dama, decidiu pintar o cabalo de verde: a tal gaiteira representante do Impaís confunde a capacidade de interpretar música coa necesidade de que se olle para o intérprete.
Vistosa é dabondo mais, para o que fai coa gaita, serve a definición dun folclorista portugués (a quen houbo que lle procurar unha exquisita gaita galega afinada en re).
O bo do amigo, de Braga, deixouna pintada nunha frase: “Essa gaja é um estupor”.
Claro que en Madrid ou en Barcelona pouco se entende de gaitas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/04/2000]

Share