Campos semánticos (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/03/2000)

Un avó da miña sogra, don Gabino -que se dedicou a facer música, ler e arruinarse- tiña por costume pasar as páxinas dos xornais con parsimonia, observar os contidos e, cando un artigo non lle interesaba, pedir desculpas ao autor aparentemente desprezado.
Don Gabino era un suxeito romántico de máis, como non ten por que ser todo o mundo…
O vaidoso que se manifesta escribindo vive exposto a non interesar, e debe aceptar que non todos os lectores en potencia o sexan dos seus escritos. Por tanto, se for ben nacido, non poderá evitar a ledicia de saber que alguén le o que escribe, nin o agradecemento polas manifestacións consecuentes, principalmente se foren críticas, con liñas de corrección.
Días atrás comentoume un lector asiduo destas columniñas que, por veces, se reunía un grupo de amigos a comentar certos termos usados nelas, difíciles de atopar mesmo nos diccionarios -o cal lles valía de exercicio de idioma.
Iso deixoume preocupado porque a miña intención non é obrigar a ninguén a traballos escolares; pero, anoite, lendo El negrero, impresionante historia do galego-cubano Lino Novás, consoleime a pensar que, por moito que un coñeza un idioma, xamais coñecerá todos os campos semánticos del: Novás, empapado de documentación sobre a bestialidade do escravismo e sobre os buques de vela, fai difícil seguir o relato aos leigos nesas materias.
Para facilitárllelo, pon notas a pé de páxina -solución propiamente académica, pola que coido que o señor director deste xornal non me vai deixar optar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/03/2000]

Share