Irmáns cochos (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/03/2000)

A asociación de veciños Adiante de Igrexafeita convidoume a botar un discursiño deses chamados pregóns que sempre se lles conceden aos supostos escritores, supostamente xogadores coas palabras con intención de suxerir.
A ocasión era a festa de exaltación da chanfaina e alá fun logo de informarme de que se trataba o negocio. Foi día de primavera agrisallada, con nubes a facer toucas nos montes altos e vistas de xeradores eólicos en paro, quizais por falta de vento.
Dixen os meus dicires desde un palco, sempre coa idea de que a xente se xunte e lle cante ao mundo en que consisten as súas distincións diante das outras tribos; loei o nacional-localismo, do que cada día estou máis convencido, e baixei da tarima para deixar paso á degustación dos productos do cocho.
Os da asociación tiveron o bo gusto de me agasallaren cun porco, de finísima porcelana do Castro, e anunciaron que logo se ía sortear un exemplar de suído, algo pinto, a manchas brancas e negras, do que ben se podería facer solemne chanfaina.
Lendo os panfletiños explicatorios que repartían os de Adiante, vin a claridade con que se indica o xeito de sangrar o marrán, para recoller sen perdas o fluxo da vida que o seu corazón impulsa.
Con sangue de cocho fanse chanfainas e morcillas, e filloas, e canto se imaxine en procura de substancias fundamentais.
Polo momento aí acaba a historia, pero non esquezamos o de “se queres ver o teu corpo, esfola un porco”.
Se a ciencia segue a adiantar, haberá transplantes e transfusións de todo o que hoxe comemos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/03/2000]

Share