Centralismo (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/03/2000)

De novo Madrid, lugar dos mellores anos da vida, os da universidade e a definición de España que non se cumpriría: república federal na que coubesen todas as nacións en civilizada harmonía.
Madrid (que se nega a entender máis nacionalismo que o españoleiro, non o español ao noso xeito) cedeu poderes, perfilou o estado con dezasete parlamentos, nun esforzo por descentralizar e deixar que a periferia medrase ata onde lle desen os folgos.
Iso foi democrático e certo: transferiuse un poder, o político. Pero non se transferiu o económico.
Madrid, en día de primavera do 2000, é un colapso de coches e un escándalo de prezos. Todo é caro para quen chega “de provincias”.
Caro para os de fóra porque os de Madrid gañan moito. Estamos volvendo a aqueles anos 60 que deixaron España baleira e Galicia desangrada. Hai que marchar a Madrid, porque sobre a capital de España paira un enorme letreiro virtual: STOCK OPTIONS.
En Madrid mandan empresarios que reparten soldos de gloria e participacións nas empresas que van conquistar os mercados da Península e das Américas.
¿Quere vostede unha espléndida carreira profesional? ¿Quere facer un diñeiro enorme, tanto como para non saber en que gastalo? Veña a Madrid.
Madrid vainos deixar a periferia sen rapaces. Será o único territorio de España que teña renovación de sangue. O resto languidecerá.
Só hai signos de esperanza en que empresas do “Monumento ao Centralismo” están a deseñar pólos de teletraballo instalables en lugares onde paga a pena vivir.
Algún deles, en Galicia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/03/2000]

Share