Radio Galega (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/03/2000)

Chámame un amigo de vello, Nicolás Camino, que gozou valores de infancia coma min, nas terras do Eume. Falamos de que a Radio Galega vai cumprir quince anos e perdémonos nas saudades dos tres lustros de querermos facer, compartir, seguir a contrafío.
Porque a Radio Galega vai contra o vento xeral. Galicia parece procurar a súa alienación nas ondas portadoras. Abonda percorrer o dial das emisoras fisicamente instaladas aquí para comprobar que nelas non existen nin o idioma nin as peculiaridades do país.
Galicia vive “en cadea” de emisoras alleas, mesmo con intereses económicos contrarios aos desta terra colonizada, aos deste pobo tan asoballado que nin sequera comprende que o están a tratar de subnormal…
E velaí a Radio Galega, coma un faro -imperfecto- de galeguidade, chea de intencións de mostrar ao país o mundo, e mesmo o país, falando na lingua que debería ser de todos.
Quince anos son moitos, un soño para os que tentabamos facer radio en galego desde aventuras como O Espello dunha radio de Ferrol ou Pandeirada desde unha radio de Madrid.
Pero é un soño de castelo con buratos polos que se lle vai a forza á idea xerminal.
Chegados os quince anos, amigos da RG, permitide que se vos pida un esforzo de coherencia: nas vosas mans está construírdes a fala “normal”, como nas mans dos escritores estivo “desasilvestraren” o idioma escrito.
Fícanvos por diante moitos retos, principalmente fonéticos: por exemplo, o pronunciardes correctamente apelidos como Tojeiro ou Rajoy.
Unha aperta para todos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/03/2000]

Share