Irmandade (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/03/2000)

Graves deberes familiares impídenme desprazar ata o castelo de Vilamarín, en terras ourensás, para participar na “juntança aniversária” da Irmandade dos Vinhos Galegos, con motivo dos doce anos da tal confraría, que congrega “perspícua, polífaga e filantrópica grei”.
Síntoo ben, por perder o contacto coa mellor xente do Impaís, todos nós “capados” (ou sexa, cadaquén coa súa capa da fábrica de Manuel Mariño, ao que algúns chaman Roberto Verinno), e mesmo perderei as xuras dos catecúmenos a entronizar polo Manuel María, de profesión poeta (don Roi Xordo para os iniciados).
Espero que vaia á tal festa o gastrónomo e premiado doutor Fausto Galdo e volva con informe do “prandium orgiástico e cerimonial” consistente en: “Marinhados de robaliça e salmom, leitom ao espeto, castanhas ao brandy, leite frito, gaiteiros e digestom com parsimónia e bagaço” —cada manxar regado co correspondente viño galego (alén dos da “cata comentada”).
Ficarei na casa con tristura, pero non excesiva porque aínda me acompañan unhas botellas do líquido fulxente que elabora Manuel Domínguez no seu pazo da Almuíña, vendo saltar o Miño en Arbo…
Bibo ergo sum é o novo lema proposto polo secretario da nosa secretísima sociedade. E unha aclaración para curiosos que nunca han pertencer a ela: as mulleres non poden asistir a tan secretas xuntanzas “porque non”.
Ou, se queren, por cuestión de sexo, como dixo o escultor Xoán de Oliveira: “Se os homes temos unha irmandade dos viños, que elas fagan unha irmandade das viñas”.
¿Comprendido?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/03/2000]

Share