Os deberes (A voapluma, 24/03/2000)

En negro elegante, de deseño galego, veume ver a dama benquerida, compañeira de ilusións. Tiñamos que falar de negocios e, polos negocios, falamos da vida.
Coñecina mociña, e así casou, estudiante, cun amigo que escollera noiva apuntando detalles das candidatas nun papel. Expuxo logo á elixida virtudes consideradas e razóns de matrimonio. A ela fíxolle gracia o cálculo e consentiu.
Casada, seguiu a estudiar; e a criar fillos converteuse en profesional de sona, en canto o marido andaba nos negocios. Non tiñan nada que ver nos seus traballos, pero na casa compartían inquedanzas.
Foron felices máis de vinte anos, ata que a Parca -quen por veces ten sinistras finezas- lles deu aviso con pouco tempo. Pero dabondo para que el volvese deixar por escrito sobre candidatos, desta ocasión a sucedelo.
Ficamos abraiados con aquela reviravolta do fado, expectantes do que ía suceder por non coñecermos intimidades e testamentos.
E sucedeu que a dama se puxo á fronte dos negocios, abandonando a posición profesional propia, que conquistara a contrafío como fan as mulleres: tendo que superar en calidade os varóns.
Conselleiros de viúvas -que os hai dabondo- dixéronlle que lle cumpría abandonar, deixarse levar ricamente no seu loito. Outros insistímoslle en que unha profesión é para sempre, e a súa, gratificante…
Hoxe ela deu explicación da inconcibible mudanza:
“Cando me coñeceu, eu era a primeira da clase. E non por intelixente, senón porque sempre facía os deberes”.
O intelixente -sempre o soubemos- foi el.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/03/2000]

Share