A Monteagudo (A voapluma, 23/03/2000)

A vida, que se nos escapa entre os dedos, provoca coincidencias memorables.
Hoxe dediqueille un exemplar de libro a un colega. O libro xa está fóra da circulación comercial e nel fálase da terra do compañeiro, descoñecida para moitos.
O texto, memoria de viaxes, íase titular Baixo o Cruceiro do Sur, facendo referencia á constelación propia de mundos austrais e queridos. Pero xa había un poema titulado así e o editor decidiu título máis doado.
O colega da dedicatoria é gaúcho, brasileiro das pampas do Río Grande onde se cultiva a vide e mesmo neva —anaco do Brasil que rompe co estereotipo e parece un apéndice arxentino…
Hoxe tamén, nunha morea de cartas abertas atopei unha cerrada, de David Monteagudo, lector destas columnas, que me anima a seguir, “escribindo da maneira en que o fai”.
David ten vinteún anos e moitas ilusións. Se cadra pola interrede, o Amor veuno tocar, e agora precisa de transporte material cando xa non lle abonda co dos bits.
Ela mora en Vicente López, provincia de Buenos Aires, e el descubriu na biblioteca municipal un exemplar dese libro que despido con saudades da crónica que non se ha de publicar máis.
Pide detalles da municipalidade descrita naquelas páxinas, e non llos vou negar: é barrio bo do París do Prata, con casetas e gardas en cada esquina, e a quinta presidencial veciña, cara a onde quito o can de paseo.
Para alá marcho en xuño, e non me importa levar paquetes ás namoradas, como tantas veces teño feito: porque as viaxes, David, non che son exclusivas dos viaxeiros.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/03/2000]

Share