Santa Comba (A voapluma, 22/03/2000)

O pasado sábado foi moi divertido. Estiven no congreso xuvenil dos internautas en Santiago e seguín para Santa Comba, a inaugurar unha asociación cultural.
Naquelas terras altas do Xallas, agropecuarias e mineiras, discurseamos de mirar para o propio e mostralo con orgullo nacional-localista.
Houbo sala chea e presencia da Igrexa en dúas versións: de paisano e de sotana. A seguir, petisco con moitas sinaturas de libros; e a primeira curiosidade: unha rapaciña chamábase de nome Allende —non de apelido— “en memoria do presidente de Chile”.
Despois, a cea, en casa de comidas que xustifica novas visitas. Entre pementos recheos de gambas e polo de curral ás froitas, repasáronse as posibilidades de axuda a quen quere facer cultura na periferia da periferia.
No capítulo de curiosidades comentouse que ao arcebispado compostelán non lle interesa moito o camiño dos peregrinos á Finis Terrae que deixa atrás Compostela e os ósos de Prisciliano.
Unha dama asegurou que dona Sofía, a avoa de Froilán, é socia do Opus Dei, xeito inmellorable para ser catolicamente ortodoxa, sendo heterodoxa de orixe malia os gregos consideraren a ortodoxia do seu lado.
E, a pensarmos na Galicia do futuro, contemplamos a posibilidade de que os gardas civís sexan de faccións e cores estrañas, en canto os naturais se dedican a mesteres sen armas.
Todo foi moi divertido, insisto. E volvín para a casa furando a noite con música, e dándolle a razón a Carlos Casares: nisto da Literatura non se fan cartos, pero é un gozo andar coa xente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/03/2000]

Share