Xuventude (A voapluma, 21/03/2000)

A enormidade do Pazo de Congresos de Santiago fica pequena para tanto rapaz. A conexión gratuíta á interrede global trouxo a Compostela unha nube de mozos, cada un coa súa máquina ás costas.
Eles si entenden o que os seus pais non dan comprendido: que un ordenador non é máis ca un simple electrodoméstico.
Tamén o entende así a María Xosé Bravo, directora xeral da Xuventude por estes pagos atlánticos. Rapaza nova, mai recente -cun meniño de dous meses- dirixe unha mesa redonda na que dá cancha a diferentes maneiras de ver o que vén sen paraxe posible.
Falan membros da universidade e os representantes das empresas máis poderosas, aínda que se vistan de humildade. A cuestión é quen dá mellores accesos á redes e cal ha de ser o sistema operativo universal, gratuíto, na creación do cal todo o mundo participe.
A mesa é saborosa, cun cento de oíntes -intervenientes no coloquio posterior.
E segue un xantar con presencia de monstro dedicado á pantalla e ás teclas, rapaz holandés que fala inglés a modiño para ofrecer ideas sinxelas. Tan lóxicas que producen abraio.
Finalmente, a directora xeral modernísima, cun marido que lle coida do cativo (como debe ser), entra en materia de transcendencia laboral.
E a conclusión é doada: hai unha grave distorsión no mercado do traballo. O sistema non admite tantos licenciados como hai en determinadas áreas de coñecemento -en canto a telemática ten xa un déficit que frea o progreso.
Cómpre formalos, reconvertelos: a reconversión sen medo é o signo da xuventude.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/03/2000]

Share