Vargas-Castro (A voapluma, 20/03/2000)

Foi o venres pasado. Na Facultade de Ciencias da Información, de bo arquitecto e malos enxeñeiros (que esqueceron a reverberación). Rematei de explicar o “datagrama” e saín cos alumnos cara ao salón de actos.
Mario Vargas Llosa viña presentar novela saída do prelo hai días. Encheuse o salón, fómonos atopando. Xesús Alonso Montero sentou entre Dolores Vilavedra e eu.
Ernesto Sánchez Pombo e Víctor Freixanes fixeron tertulia co escritor peruano de pasaporte europeo, español por máis sinalarmos.
Xurdiu a marabilla. O mestre das letras descubriu ao público como fora facendo, nun oficio que sempre consiste no mesmo: sintetizar nun tomo de tamaño reducido o que se foi oíndo e contrastando.
Vargas Llosa escribiu dun dictador en illa do Caribe, e recoñece non se ter atrevido a escribir todo o que foi verdade porque ao lector lle podería parecer fóra do ambiente “real” creado para a narración…
Pero don Mario non se constrinxe á súa novela, e, cando nos decatamos, está a mallar —por exemplo— en Fidel Castro. Don Xesús Alonso resmunga; e eu apoio a sinceridade do de Perú. “O Fidel é un bo peixe”, digo. “Pero non máis có papa ou monseñor Rouco”, acouta Alonso.
E marcha. Loli Vilavedra e eu ollámonos entre divertidos e sorprendidos —en canto Vargas segue cun discurso perfecto.
Á saída, Sánchez Pombo e eu concordamos: admirable, o verbo divino. Ernesto asegúrame que o novo texto é un pracer.
E eu fico a lembrar partes daquela exposición xenerosa. Solidariamente. Coidando que dictadores son todos os dictadores.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/03/2000]

Share