0,301030 (A voapluma, 19/03/2000)

Seica o ministro Rajoy (escrito así, e pronunciado Raxoi) vai impulsar o estudio de Lingua (castelá, claro) e as Matemáticas. Teño que apoialo.
Non podemos esquecer que non é tan importante coñecer moito coma saber expresar con xeito canto se coñeza. Aclarando os termos: cómpre dominar as regras de expresión, tanto humana como matemática.
E -co permiso dos pais das criaturas- vou contar unhas anécdotas universitarias que me preocupan, porque poñen en perigo as nosas pensións.
As primeiras son dun curso de postgrao nunha facultade de ciencias da información. O ano pasado, unha señora licenciada en xornalismo díxome nunca ter oído a palabra “sinusoide”. Este ano, outra licenciada non soubo definir o “metro” (aquela “dezmillonésima parte de cuadrante de meridiano terrestre” que aprendiamos de pequenos) e unha colega non sabía se o verbo “cesar” era transitivo ou intransitivo -simplemente porque non lle soaba o da transitividade, sendo “de Letras”.
As seguintes son dun primeiro curso de facultade de informática, no segundo curso da cal só fica un quince por cento dos matriculados no primeiro. Ninguén sabía o valor de logaritmo en base 10 de 2, aquel 0,301030 que tamén aprendiamos de memoria. Nin tampouco que raíz cadrada de 2 é 1,41.
Como neste caso me laiei amargamente, ao saír da aula veume consolar unha alumna. Era de beleza suave, anxelical, coa boquiña afeita á linguaxe do ambiente de campus.
Foi clara: “Mira, o que nos ensinan no bacharelato é unha puta merda”.
Tomen nota ministros e conselleiros.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/03/2000]

Share