Ler (A voapluma, 18/03/2000)

De novo na “cidade olívica”, onde aínda fican laranxeiras por García Barbón. Nesa avenida -rebentada polas obras, do gas ou do “cabo”, ou das dúas cousas xuntas- érguese un edificio granítico, sólido, bancario.
Diante del, un amplo taboleiro de anuncios, e dous nomes de narradores en exercicio nocturno, horas roubadas ao sono: Aníbal Malvar e o que agora bate as teclas.
É o segundo encontro, gracias á que hoxe se manifesta como Caixavigo e Ourense, á procura de nome capaz de incluír Pontevedra. Esta xente programou unha boa mostra da realidade plural en que se move a literatura galega. Alá imos.
Desta volta cadrounos falar das novelas de xénero negro e as de aventuras. Dispara o Aníbal, con libretiña, a pasar follas de notas con man de guitarrista.
Ten razón en todo o que di para ir desmontando tópicos. De veras que o xénero negro pertenceu a un mundo ido, de obreiros americanos que compraban noveluchos cando non había series televisivas que devorar.
E coido ter razón cando pregoo que non hai nada superior á novela de aventuras, nin á de intriga, nin á que xunta as dúas intencións. Todos queremos que nos conten unha historia interesante, que nos manteña na necesidade de pasarmos as páxinas -ata chegarmos ao momento en que xa se vai acabando a historia…
Coloquio saboroso, con grande novelista de aventuras polo medio: Xavier Queipo, home “de ciencias”.
Unha señora pregunta se aínda le alguén.
Responden os escritores: lese pouco; pero os que mandan, len. Así aumentan vantaxes sobre os mandados.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/03/2000]

Share