Bicis contra todos

Costa abaixo, o xinete nota que a egua, malia ser mansiña, vira as orellas para tras e tenta erguerse de patas. Iso supón saír por cima do pescozo e levar unha zoupada no chan. Tirón das rendas, pés cravados nos estribos… ¿Que diaño pasa? Pois que se «metía nos cascos» do animal un ciclista vestido de cores varias, descoñecedor da psicoloxía equina.

O Impaís está inzado de clubs hípicos, e de paisanos con besta «da casa» que saen a lucila, a botar unha de callos cos amigos nas mañás de domingo. Un cabalo vén pesando 400 quilos ou máis; unha bici, case nada. O condutor de coche ve os simbiontes humano-equinos e tenlles respecto; non sente a prevención que sempre causan os ciclistas, desprotexidos e ultimamente absortos, a escoitar música en canto pedalean; ou organizados en mandas de xente que se pon en paralelo, fala, bota a man ao ombreiro do colega…

As masas corporais aí están: aceiro, vidro e plástico converten un coche nun mataciclistas. Un automobilista (se cadra, xinete), despois de moito encontro con ciclistas colixe que os ecosistemas para amantes da bicicleta son dous: espazos afastados da circulación xeral ou velódromos. Non dá entendido que a sociedade haxa de aturar a teima por xogaren a vida dos que realizan un deporte de alto risco. Non quere participar en cacerías.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 31/03/2016.]

Share