A Biblia (A voapluma, 17/03/2000)

Coincidindo co intre en que o papa anda a pedir desculpas (ou, mellor dito, perdón) polas falcatruadas da Santa Madre Igrexa Católica, Apostólica e Romana, chega ás miñas mans un libro curioso: The Bible in Spain.
Non hai moito liamos O protestantismo en Galicia, de González Raposo, no que se recollen realidades de susto: por exemplo, como un abade de Arteixo “baixou” un pastor protestante a tiros de revólver.
E non hai falta de andar nos libros. Abonda con tratar os “disidentes” evanxelistas para comprender a España pola que paseaba un dictador baixo palio. Foron tempos de catacumbas.
Isto é así. E aquí nos criamos. Por iso sorprende a valentía de don Jorgito el inglés, George Borrow, autor do libro que acabo de recibir.
Borrow era acorporado, grande coma un castelo -nada de Jorgito senón de Jorjazo- e debeu nacer tocado polo Espírito Santo: tal foi a súa capacidade de interpretar e expresarse en linguas alleas cun mínimo estudio.
O seu celo evanxélico foi parello coa súa capacidade de escribir bo inglés, con precisión e sobriedade. A Biblia en España é un pracer de libro de viaxes e aventuras nun territorio de xentes atroces, defensoras de Roma “por orgullo”, segundo o viaxeiro.
O exemplar que teño é de 1890. Compreino vía interrede, en Amazon, onde hai de todo. E viña cunha nota: que está estragado, amarelecido e manchado o papel, pero aínda en “boas condicións de lectura”. Son “lembranzas do pasado deste libro”. Se non gusto del, podo devolvelo nun prazo de quince días…
Non o hei devolver.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/03/2000]

Share