Parabéns (A voapluma, 16/03/2000)

E sigamos coa política. Xa sabidos os resultados, parabéns a don Manuel e a Xosé Manuel.
Nunca esquecerei cando Julio Iglesias lle dixo a don Manuel que España non podía ser gobernada por “un señor bajito y con bigote”. Pero don Manuel, que sabe tanto como lle cómpre á vivencia e á intelixencia, mantivo a aposta por ese españolito de “pueblón castellano” (definición de Madrid por Guerra da Cal) e velaí: nin precisan do honorable negociante de Barcelona.
Aznar soubo facelo (Julio, arrepentido, xa lle dixo “Presidente, I love you”). España irá ben mentres Europa vaia ben, en canto os Estados Unidos non sigan a xogar barallas perigosas con nome de hidrocarburo. Porque Europa ten unha fraxilidade enerxética que don Rodrigo, o do nome antigo, non pode evitar falando en Bruxelas cos seus colegas económicos.
Ollo ao piollo: o dólar e o barril de petróleo soben de mans dadas e nós desangrámonos na gasolineira. Aínda que isto vai tan ben ao mando de Aznar que as vendas de coches seguen á disparada -malia a praga dos combustibles.
Parabéns, digo, ao Partido Popular, no que hai de todo, mesmo galeguistas ao estilo de Brañas.
E parabéns ao Bloque, que está cheo de nacionalistas, mesmo de centro. Oitenta mil votos máis son un feito -aínda que o seu teña moito de pesadelo sexual, de varón que soña femia pero non dá copulado.
Ou de finalista de concurso literario, no que por un voto…
No Xuízo Final, don Manuel, Xosé Manuel e eu falaremos, sen berros, de como se fixo país: coincidindo nalgún punto innegable.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/03/2000]

Share