Coração do Minho (A voapluma, 13/03/2000)

En Portugal hai un costume curioso, coincidente con outro costume español. Alén do Miño, as mulleres chámanse Maria João, non Maria Joana. Como aquí temos María Xosé na vez de María Xosefina.
Ladies always first, dei a escoller lugar de encontro a Maria João de Azeredo. Ela partía de Braga e eu achegábame de Ferrol a un punto que, doadamente, foi Vigo.
Acompañáronnos dous homes impostos na materia telemática que nos ocupa e xuntámonos nos locais dunha asociación de empresarios pontevedreses ben relacionados cos minhotos.
Maria João ten no rostro a frescura da xuventude e na actitude unha vehemencia contida, propia das mulleres teimosas que han de gobernar moito home. Na linda fraxilidade de corpo desta señora moza hai un natural temor aos varóns acorporados. Ela —como as súas colegas no mester da xerencia— ha de usar a sutileza para conseguir obxectivos.
Sutilmente, a señora De Azeredo, foi puntualizando o negocio de crearmos entre o IDITE Minho e o CIS de Galicia as bases técnicas para o RedIT, proxecto europeo dirixido a demostrar o movemento andando: trece centros tecnolóxicos da eurorrexión convertidos nun só “centro virtual”…
Despois diso aceptou convite para xantar en lugar de nome italiano, e mudou de ton. Dona de casa, mai de familia, entrou nos gustos de guisar; e confesouse cociñeira convencida ao estilo da avoa, non da mai.
A experta en transferencia tecnolóxica —descubrimos— criouse nun restaurante familiar de eterna lembranza. Aínda que só fose pola poesía do nome:
Coração do Minho.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/03/2000]

Share