Accidente (A voapluma, 11/03/2000)

Estalou a primavera, todo é rebentos de flores e un cantar de cucos que convida ás amenidades do bosque. En día radiante saín de paseo a lombos da Aixa. Andamos os máis abandonados dos camiños, gozamos vistas secretas e, por fin, fomos dar no asfalto dunha estrada.
Aí tivo lugar o accidente.
Forcei a boca da besta cara á dereita, fíxena arrimar á beira para evitar posibles interferencias con coches e motos. Tanto forcei que a coitada esvarou coa pata dereita e axeonllou. Pero comportouse nobremente. Ergueuse e continuou o camiñar alegre.
Ao pouco decateime de que sangraba. Ollei para atrás e observei como do asfalto xurdían sobre a gabia unhas pedras afiadas a daren ruín aviso.
Socorreume a xente amiga de Os Laranxos, alí no val lindo de Loureda -Arteixo e os seus baños ao fondo-. Fiquei abraiado polo que vimos: a Aixa tiña mancaduras pola man dereita, no xeonllo e nos machiños, todas liviás. Pero no xeonllo esquerdo faltábanlle os tecidos, da pel para dentro, e parecía vérselle o óso.
A resistencia do animal e a eficacia da telefonía móbil posibilitaron o encontro rápido co veterinario, quen arriscou un feo prognóstico ao non haber xeito de sutura para tanto baleiro.
Atristureime, porque na marabilla dos equinos -a finura da pata- está a súa debilidade. E a solución ao imposible, un eufemismo: sacrificio.
Pasados os días, sen embargo, vexo o sol doutra maneira. Seica non hai infección, e existe a posibilidade de que o epitelio creza para dentro e peche a ferida.
Esperanzadamente, iso espero.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/03/2000]

Share