O desconcerto vasco

Bilbao, excapital do aceiro. A Universidade de Deusto acolle un encontro da Comisión Europea sobre ciberseguranza. A torre de Iberdrola rebrilla, próxima, marcando territorio dun mundo á parte: o do concerto económico Euskadi-Estado. A grande eléctrica «vende desde Madrid pero paga impostos aquí».

O encontro ten por idioma oficial o Eurenglish e, no fondo, serve para os asistentes europeos apalparen o inmenso negocio da seguranza nos sistemas telemáticos cando alborexa a era da «Internet das cousas». Enténdese logo que no xantar duns poucos partícipes no encontro se fale de diñeiro á vasca, concerto polo medio. O convite é nun batzoki do PNV e o visitante que vén do Impaís Galego axiña comprende porqué Sánchez e Rivera van ser nomeados persoas non gratas nestes vales verdes: dispararon á entraña vasca ao falaren de suprimir deputacións; causaron alarma e desconcerto.

As deputacións vascas teñen unha capacidade única no Estado español: manexan a Facenda Pública. Por iso o Eusko Jaurlaritza aprontou unha normativa que afecta á industria da ciberseguranza: a exención fiscal persoal e directa para quen invista en investigación e innovación. ¿Quen pode dar máis ao sistema de I+i? En España, ninguén. O País Vasco -malia Madrid e Barcelona- seguirá nos picos das ondas tecnolóxicas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 18/03/2016.]

Share