O Rocamar (A voapluma, 10/03/2000)

De novo, cara ao Cantábrico, día de sol e algodón de brétemas, de xeradores eólicos branquísimos, relucentes, a xiraren nunha harmonía do técnico co natural. Pola Gañidoira, cabalos, que avisan estercando no medio do asfalto.
Imos a Celeiro, aos tratos do Rocamar. Ese barco é unha ilusión de moitos: de cantos saben a necesidade de progreso.
O mar sempre foi dos homes da costa. Era unha vida dura. Imaxínese a dureza das pescas feitas en traiñeira, a remo, loitando contra as vagas. Pero imaxínese, tamén, o que foron a vela e a vapor; e mesmo en barcos modernos, de ferro e motor diesel…
O Rocamar vai ser un buque-escola para os pescadores dun novo mundo. Varado, mostra a poderosa barriga vermella que a flote oculta. Nela, unhas estrañas adherencias poligonais: os receptáculos dos transceptores do sonar.
Subimos a bordo, trepando polas escadas cunha sensación rara, a de accedermos a un monumento elevado.
E iso é o barco en grada: monumento á teimosía popular. Porque do pobo é a forza que anima á confraría e á empresa que da confraría saíu.
Hai que formar rapaces en todas as técnicas destinadas a afastaren da pesca incomodidades e traxedias…
Dentro do barco, unha agradable sorpresa: compañeiros de traballo a explicaren o funcionamento dun sistema de control. Entre homes, unha moza, Chus Rodríguez Legarreta, a marcar co dedo os diagramas de bloques. Quen negue que algo mudou é que vai cego.
Enche a marea e o Rocamar volve á auga. Amarrado ao peirao, parece un pesqueiro máis.
Pero é o que marca o futuro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/03/2000]

Share