O sudaca (A voapluma, 09/03/2000)

Xornais, revistas, televisión e servicios informativos de interrede, todos, permiten reconstruír a afastada imaxe dun xeneral Pinochet xa en Santiago de Chile sorridente e mesmo acompañado por unha boa saúde.
Probablemente sexa certo o informe médico que o sitúa como senecto e pouco habilitado para soster inquéritos xudiciais, pero aos ollos choca a evidencia de que deixou a cadeira de rodas e que se mostra feliz.
Polo momento non concedeu ningunha entrevista ao saír do hospital militar onde se supón que lle mirarían a tensión, como se fai rutineiramente cos vellos. Agora só falta que se deixe fotografar facéndolle a figa ao xuíz Garzón
Non todos os iberoamericanos son “sudacas”, salvo para aqueles españois sen consciencia da historia dos pobos e das familias, os que non queren lembrar tantas fames como os da súa caste foron matar nas Américas.
Sudacas son os que alá se chaman “vivos”, eses tipos impresentables, capaces de superar a espera dunha ringleira diante dun mostrador finxindo calquera eiva pola que se lles cede a vez e que, logo de conseguido o trámite, alardean da picardía nunha cafetería próxima.
Eses mesmos sudacas-vivos son os que manteñen a rouballeira desde os postos públicos, porque entenden que o abuso é cousa de machos.
Días atrás, unha persoa procedente das ribeiras do Prata, coa profesión que máis mofas levanta entre os españois desprezadores -psicanalista-, díxolle a quen isto escribe: “Pinochet non é un europeo deshonrado senón un sudaca”.
Seica non lle fallou o ollo clínico.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/03/2000]

Share