Galgo (A voapluma, 08/03/2000)

De cando en cando (perdón pola vaidade), recibo labazadiñas no lombo e frases de comparanza que teñen o seu de odioso: “De todos os que escribides a cotío, ti es o que usa un galego máis correcto”. Gracias, pero -se for certa- a cousa tería o seu segredo.
Escribir diariamente unha columniña implica facelo a voapluma. Din que certo amante dunha famosa escritora arxentina repetía aquilo de “Eu escribo un conto en vinte minutos e paso vinte anos a corrixilo”.
Iso non vale para o producto do día a día. Confeso que ata agora me valía de diccionarios, pero estamos no mundo dos procesadores dixitais e botaba en falta un corrector para a lingua galega.
Ata que se presentaron polo CIS os rapaces de Imaxin e me regalaron o seu programa Galgo en disco óptico. Carguei o contido nos ordenadores do choio e da casa e de novo dei gracias á vida por ter chegado a tempo de facer literatura con tamañas axudas.
O Galgo, que seica patrocina a consellería de Educación, fai honor ao nome: é rápido detectando erros de vocabulario e estructura, e grallas. Está pensado para evitar as interferencias lingüísticas co castelán e fai suxestións enriquecedoras.
Xa llelo recomendei a colegas escritores e ás editoriais. Poida que represente un paso máis na eliminación de intermediarios (e postos de traballo) entre o xerador de documentos e o plasmador en negro sobre branco. Poida que, no proceso de editar, agora tamén sobren os correctores.
Pero o que importa é a calidade do producto. E non lle pormos portas ao campo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/03/2000]

Share