Cadáveres (A voapluma, 06/03/2000)

Quizais a nova triste e as súas tristes referencias fosen perdendo o valor da actualidade, pero non deixan de premer no meu maxín.
O sol brillaba na ría calma de Ferrol mentres eu compartía na cantina do CIS guiso de lentellas e costeletas de año cun amigo querido, compañeiro desde a infancia, mariño de profesión con todos os mares do mundo ás costas. Viamos os buques nos peiraos e, falando de seguridade e calidade, acabamos en afundimentos e rescates.
Lonxe de nós, no Mediterráneo que acubilla infinitos restos de naufraxios, navíos sofisticados tentaban detectar a posición dos restos dun barco abordado por outro maior.
Máis lonxe aínda, onde estivera un porto de auxilio na carreira portuguesa á India, en Mozambique, os ceos inclementes facían encher as bacías dos ríos e asulagar as poboacións.
Meu amigo dixo que se pode rescatar cadáveres a profundidades de case cincocentos metros, pero que, logo de pasados uns días, non hai xeito de identificalos. E lembrou un caso nos países escandinavos.
Nese naufraxio, con centos de persoas mortas, tomouse a máis digna decisión: cementar o casco afundido: facer del unha grande tumba colectiva. Con todo, un casco só xa é cadaleito dabondo…
Desque a Humanidade deu en andar sobre as ondas, os mares foron desfacedoiro de cadáveres. Só agora é que a técnica permite falar de rescates -cun gasto inxustificable, sobre todo cando hai vivos a sufrir como en Mozambique.
Todo é relativo; pero, entre mortos sen remedio e vivos necesitados, tal vez non caiban relatividades.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/03/2000]

Share