O Quixote (A voapluma, 05/03/2000)

Unha moza estudiante e animosa, Marta Vázquez, pediume que participase en actividade que ten o seu aquel: copiar de propia man un treito do Quixote.
Díxenlle que si, agradecendo que se tivese lembrado de me escoller para negocio en relación coas cousas da escritura. Seica quería persoa significada nese eido e tal vez acertase na escolla, pois quen malla a cotío nos lectores ben se poderá considerar do gremio.
A iniciativa procede dun centro de estudios de terras andaluzas e consiste en recoller o discurso longuísimo de Cervantes con diferentes caligrafías.
Á noitiña, en hora roubada ao sono, escribín, e, segundo o facía, lembraba as veces que lera o Quixote, sempre coa mesma sensación: a de ser un chumbo insoportable, algo antigo e difícil.
Teño amigos que me aconsellan non dicir cousas semellantes (nas que se inclúen “faltas de respecto” á obra do tal García Márquez, ou á do coitado Borges). Pero, curiosamente, eses sisudos lectores do inescusable, non leron o que para min é delicia, pezas de romance moderno ao xeito das de Eça de Queiroz (o centenario do cal pasa sen o mínimo barullo), Veríssimo ou Lynch.
Certa vez perdinme entre os clásicos universais dunha librería en Nova York e observei as diferentes traduccións que había do Quixote. Como non tiña presa, pasei horas a ler: sempre a mesma secura.
Outra, nunha librería Charing Cross de Londres, atopei a traducción de La Regenta. Aquilo era un gozo, mesmo en inglés.
En fin. O da Literatura é como o sexo: mellor non axuizar gustos alleos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/03/2000]

Share