Rajoy (A voapluma, 03/03/2000)

Mariano Rajoy pasou polo Lalín dos cocidos e non deixou de armar rebumbio porque o persoal anda tocado dos nervios con motivo do 12 de marzo.
Escoitáronse comentarios, e algún deles á súa vez comentable. Dicía un crítico-político que don Mariano era un antigaleguista indigno de ser ministro de cultura pola súa in-idem. “Maior mostra diso non pode dar, mantendo o apelido Rajoy cando debería ser Raxoi”.
O crítico, non lingüista, caeu nunha trapela cultural: porque Rajoy está ben escrito aínda que a burremia xeral leve a pronuncialo á castelá –Rakhoi– cando se debería pronunciar á galega –Raxoi-.
O que o crítico-político debía censurar non é que alguén escriba o seu apelido como se veu facendo ao longo dos séculos, senón que persoas chamadas Janeiro ou Giz (por exemplo, que hai infinitos), mesmo sendo galegofalantes a cotío e ata galeguistas en exercicio, non pronuncien eses galeguísimos apelidos como cómpre: Xaneiro e Xiz.
Galicia padece de emburrecemento gráfico. Cando todo o mundo se empeña en dominar o inglés, lingua de ortografía caprichosa, imposible de aprender salvo a forza de memoria, os galegos considéranse incapaces de xogaren coa súa ortografía histórica e confunden “ameixa” (froita) con “ameija” (marisco) ou “queixo” (óso) con “queijo” (producto do leite).
Unha cousa é escribir e outra pronunciar. Así, os paos non deben ir contra o ministro amadrileñado, senón contra as vacas sagradas que un día decidiron que a ortografía galega había de ser tan pobre como hoxe é: para parvos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/03/2000]

Share